Skip to main content

O Proxecto

A Xunta de Galicia puxo en marcha o proxecto NACCE, "Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC", unha iniciativa que pretende paliar as debilidades do sector TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tanto en cantidade de empresas, como en competitividade e en internacionalización, creando un núcleo de cooperación entre todos os axentes implicados no sector, para estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a competitividade das empresas existentes e, consecuentemente, dinamizar o emprego.

NACCE prolongarase ata o 31 de decembro de 2012, e conta cun orzamento de 1,18 millóns de euros, cofinanciados con fondos FEDER. Entre os seus obxectivos están promover a economía do coñecemento, favorecer a xeración e o transvasamento de profesionais cualificados e coñecemento a ambos os dous lados da fronteira, superar a especialización produtiva desta zona nos sectores tradicionais, fomentar a internacionalización, a competitividade e o emprego e impulsar a transferencia tecnolóxica entre as universidades e as empresas do sector.

A posta en marcha deste proxecto, liderado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta, vai permitir, entre outros aspectos, a formación e asesoramento a 150 pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de proxectos comúns, a formación doutros 150 emprendedores e 50 empresas en materia de posta en marcha dunha actividade TIC ou de novas liñas de negocio, a posta en marcha de varias ferramentas para difundir o coñecemento e asesoramento nesta materia -un foro de innovación, outro de colaboración de pemes transfronteirizas e unha oficina de asesoramento a pemes transfronteirizas en materia de internacionalización- e a celebración de 20 mesas de traballo sobre a creación de empresas TIC.

NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e ten que ver co eixo prioritario de cooperación e xestión conxunta para o fomento da competitividade e a promoción do emprego dentro deste área. O seu obxectivo é o de dinamizar o sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na área transfronteiriza que comparten Galicia e Portugal, a través da cooperación.

NACCE consiste nunha plataforma de colaboración para a creación de empresas TIC. Unha rede composta por socios e colaboradores que potenciarán a formación e asesoramento de pemes transfronteirizas co fin de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu crecemento. Para iso crearase unha rede baseada en tecnoloxías web 2.0, que actuará como catalizador para o avance do sector ofrecendo os apoios e ferramentas necesarios para a internacionalización, o fomento do espírito empresarial e a orientación para implantar novas iniciativas.